A obsolescencia programada
A obsolescencia programada, tamén chamada obsolescencia planificada,
consiste basicamente en programar a morte dun aparato ou o ciclo de vida dun produto.
Estes produtos deixan de funcionar ao cabo dun tempo preestablecido, non porque
estean estragados, senón porque foran deseñados para fallar cando pasase ese determinado
tempo.
Deste modo, cando o produto non funcione o cliente terá que
mercar outro, normalmente unha versión actualizada deste, porque en proporción
custa máis reparar o antigo que comprar un novo.
Considero que este comportamento é moi pouco ético e que os
consumidores podemos reaccionar comprando outra marca diferente do produto que
non efectúe esta práctica, e conseguir así que todas as empresas que empregan a
obsolescencia programada baixen as súas ventas, ata que finalmente se den de conta
de que esta forma de proceder non é economicamente viábel para eles.
Por outra banda, creo que se as empresas deixaran de
pensar nos seus propios beneficios e entenderan que se a xente está contenta cos
seus produtos, porque duran máis e son de boa calidade, cando necesiten mercar
outros aparatos (polo motivo que sexa), compraranos desa marca; e aínda que non
sexa tan a miúdo coma por mor da obsolescencia programada, ao facelo por motu proprio, non lles importará gastar
un pouco máis de diñeiro xa que saben que ese produto vai dar bos resultados.
Todos, queiramos ou non, sufrimos algunha vez, en maior
ou menor medida, a obsolescencia programada; coa tinta das impresoras, a
batería dos móbiles, a calidade da roupa, as lámpadas, os electrodomésticos...
No meu caso, a lavadora da miña avoa levaba 40 anos funcionando perfectamente, e cando finalmente se escacharrou comprou unha nova que non durou nin 5 anos. A decisión ante este acontecemento foi mandar unha nota de atención á empresa produtora e mercar outra dunha marca diferente que pensase na sociedade e cuxos produtos durasen máis. O resultado foi bo xa que leva 8 anos funcionando ben sen ningún problema.
Outro tema importante derivado da obsolescencia
programada é o destino dos residuos electrónicos, cuxa gran maioría son moi contaminantes
e os seus efectos sobre a natureza e os seres humanos duran moitísimo tempo. A responsabilidade
de rematar con isto incúmbenos a todos; aos fabricantes, que non empregan materiais
máis ecolóxicos porque son máis caros, aos consumidores, que queremos pagar o mínimo
posible polos nosos aparatos, e aos gobernos, que non inverten o suficiente en plantas
de reciclaxe ou en tratar correctamente estes residuos.
En moitos casos a solución dos gobernos é enviar estes
residuos electrónicos a países do segundo e terceiro mundo, evitando o seu
tratamento e contaminación nos seus países. Pero isto non soluciona o problema,
xa que o que afecta nun lado do mundo tamén inflúe no resto.
En resumo, e como conclusión, creo que temos que tentar
parar esta práctica consumista tan negativa, e unha das formas que considero
máis eficaces sería establecer regulamentacións, para que dende o noso punto de
vista como consumidores compense a reparación dos aparatos vellos no canto da compra
doutros novos.
Isto poderíase facer abaratando os custos dos repostos, así como promovendo que a cantidade deles aumente no mercado para poder abastecer a todas as reparacións.
A continuación déixovos uns vídeos sobre este tema "Comprar, tirar, comprar" e "Obsolescencia programada", que achegan moita información relevante e moi interesante de coñecer e difundir.
Se queredes compartir as vosas opinións sobre este tema tan importante na actualidade, podedes deixalas nos comentarios. 👍

Comentarios
Publicar un comentario